Feeds:
Entradas
Comentarios

Archive for the ‘Vimianzo’ Category

O conxunto etnográfico dos batáns e muíños do Mosquetín consta de varios edificios: nos de arriba están os tres batáns e tres muíños, e nos de abaixo catro muíños. Catro destes muíños estaban destinados ao millo, dous eran en exclusiva para o trigo e outro era para o relón do trigo.

Teñen moitos anos de antigüidade, xa que no Catastro de Ensenada, de 1753, fálase da existencia de dous batáns e de cinco muíños. Pero este conxunto deixou de funcionar en 1966, pasando por diversas etapas de deterioro e abandono, por intentos de recuperación, de creación dun ecomuseo e de declaración de Ben de Interese Cultural (BIC), iniciativas que case sempre saíron das asociacións culturais e veciñais da comarca.

Pero a súa reapertura ao pública e recuperación logrouse a partir de 1997, cando o conxunto foi mercado pola Deputación da Coruña, quen restaurou os edificios e aparellos.

O batán, aínda que moita xente pense que se usaba para traballar o liño en Galicia, realmente era para traballar a la. Tiña uns pesados e grosos mazos cos que se abatanaba, é dicir, batía os tecidos en mollado durante horas e horas. Cada cinco horas había que sacar os tecidos, estiralos e volvelos a meter na pía. Deste xeito o tecido apretábase e era máis compacto. Se a la era de boa calidade estaba preparada en 28 horas; e se era de mala calidade, precisábase o dobre de tempo.

O batán consta de tres pezas fundamentais: unha caixa ou mesa, dous mazos e unha roda. A mesa ten unha cavidade onde se colocan as mantas ou outros tecidos para abatanar. No Mosquetín abatanábanse sobre todo mantas de la e viña xente de moi lonxe para isto. E só se abatanaba no inverno, porque no verán a auga se reservaba para que moeran os muíños. Como curiosidade, a diferenza do muiñeiro, que cobraba en especie (en millo), o bataneiro cobraba en metálico 🙂

Read Full Post »