Na parroquia de Arcos, no concello de Mazaricos, celébrase un entroido moi peculiar. De feito, nin sequera se celebra todos os anos, senón cada certo tempo, para non perder a tradición nin chegar a aburrir. Non obstante, é un dos máis pintorescos de Galicia.
Estas fotos están sacadas no entroido de 2012, e levaba sen celebrarse o evento dende o 2006, así que é algo pouco común e un verdadeiro privilexio ter asistido, onde participa un montón de xente. De feito, desprázanse dun lado a outro en autobús.
Como recollía La Voz de Galicia, «o entroido de Arcos ten a particularidade de que está formado por tres grupos de personaxes: o Exército dos Panos, o Coro dos Vellos e o Coro dos Cegos».
O exército, como ben vedes, é o grupo máis numeroso, e tamén o único que desfila amosando a súa cara. O xornal coruñés explicaba que «os integrantes levaban os ombreiros e os antebrazos cubertos por panos, e a cabeza, por un vistoso sombreiro adornado con prumas e pequenas xoias».
Presidindo o exército, vai un abandeirado que anuncia en cada aldea que chega toda a comparsa. Despois vai o xeneral, a Garda Civil e o resto do exército. O que fan é ir casa por casa e pedir algo, ao tempo que desfilan e realizan o seu ritual-baile.
Despois están os vellos, que son os que van coa cara tapada e son a parte máis cómica, xa que cantan, bailan e se meten coa xente (dou boa fe, porque mesmo pararon un coche pola estrada, lle abriron as portas e o maleteiro, para sorpresa dos ocupantes).
Os cegos son os que cantan as coplas, cantar o acontecido durante o ano e tamén pedir esmola.
Outra parte do grupo o que fai é representar profesionais, como agricultor, médico, fotógrafo, veterianario…
Deja un comentario