Feeds:
Entradas
Comentarios

Posts Tagged ‘X Cigalada de Boedo’

Este ano vin un cartel na rúa de que en Boedo, unha pequena parroquia de Culleredo, facían unha cigalada. Estiven mirando por internet, por curiosidade, e vin que xa era a 10ª edición. Polo visto, antes facían unha churrascada, pero como é algo máis típico, decidiron cambialo por alog máis orixinal: unha cigalada.

O caso é que o prezo pareceume razoable. Outros anos eran 11€ a ración, con 11 cigalas. E este ano pasaron a 12€, con pan e viño (lástima que non beba alcol).

Comezaba a iso das 20.30 horas, pero nós debemos chegar unha máis tarde. Aínda era de día, e era cedo. Malo fora que non acabásemos rápido. Pero o meu gozo nun pozo. Había unha cola enorme para coller tickets. Aquí podedes ver a imaxe cando levábamos media hora agardando e aínda nos quedaba outra media hora para rematar esa cola.

DSC_0605

Porque había dúas colas: unha para coller tickets e outra para a comida. E a dos tickets era a pequena 😥

Diante nosa había dúas parellas que se cansaron de esperar e se marcharon antes de coller os tickets. Nós despois de agardar media hora, decidimos seguir agardando. Como a maioría dos que alí estábamos. Había 900 quilos de cigalas e o único medo que tiña é que non chegasen para nós cando nos tocase o noso turno.

Sorprendentemente, ao pouco de comprarmos a papeleta que permitía coller a ración, acabáronselles os tickets. Xusto como 6 ou 7 persoas detrás nosa. E a cola de xente que había aínda era boa. 10 minutos despois vimos que volvían vender tickets. Polo visto, o ano pasado sobráranlles e reutilizáronos para este ano. É dicir, que todo o mundo na redonda se puxo de acordo para ir ese día a Boedo, nós incluídos, jeje

O caso é que chegamos alí ás 21.30 aproximadamente, rematamos unha cola e puxémonos na outra. Entre mentres, como xa nos deran o pan, fómoslle metendo o dente, porque xa había fame. A cola transcorría ao longo de todo o campo da festa, que está debaixo dunha ponte da liña do tren que une A Coruña con Santiago.

A iso das 23.00 horas, comezaba a tocar a orquestra Manila, así que a espera se fixo un pouco máis levadeira.

Ás 00.00 horas a fame xa era negra, pero xa estabamos moi pretiño. O cheiro das cigalas era intenso e podiamos ver a todo o mundo traballando arreo.

DSC_0606

E si, aínda que pareza mentira, usaban leña para prepara as cigalas.

DSC_0607

Ao final había unha carpa para poder comer e a comisión de festas non paraba. Ata tiñan unha mesa xiratoria na que poñía pratos e pratos de cigalas e así poder axilizar as comandas.

DSC_0609

E tras 2.35 horas de espera, aquí tedes o resultado: dúas racións de cigalas de campionato. Hai que dicir que estaban moi boas. Algo salgadas para o meu gusto, pero moi boas. E coa fame que había, entraron que dou gusto 🙂

DSC_0610

Read Full Post »